O TSXG considera procedente o despedimento dun condutor de ambulancia que deu positivo nun control de drogas da Garda Civil

A Sala do Social entende que o traballador transgrediu a boa fe contractual que lle era esixible por parte da empresa

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera procedente o despedimento dun condutor de ambulancias da adxudicataria do servizo de transporte sanitario urxente da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 debido a que nun control aleatorio da Garda Civil de Tráfico, cando conducía o vehículo co que prestaba servizos, deu positivo en drogas, o que supuxo a inmobilización da ambulancia durante tres cuartos de hora e que se lle impuxese unha multa de 1.000 euros, así como a perda de seis puntos do carné de conducir.

O alto tribunal galego revoga, desta forma, a sentenza de primeira instancia que acollía a demanda do traballador e ordenaba á empresa readmitilo ou indemnizalo polo despedimento. Os maxistrados do TSXG entenden que o empregado rompeu “a boa fe contractual”, pois o cargo que desempeñaba na compañía implicaba “múltiples riscos e a esixencia das completas aptitudes durante a prestación de servizos”.

O tribunal incide en que o posto de condutor de ambulancias “obriga á máxima dilixencia e atención no servizo” e considera que o traballador, ao consumir drogas antes de traballar, puxo, “conscientemente”, esas obrigas “en risco”. Ademais, salienta que o momento do consumo carece de importancia, pois advirte que non se trata “dun proceso penal, no que se habería de valorar cando se produciu ou a influencia que podería provocar na seguridade viaria”. Así, recalca que “o feito de facelo e de que no seu organismo aínda houbese trazas que deron positivo nun control de estrada, implica, pola súa banda, a asunción dun risco que creba a confianza da empresa e conduce a xustificar o seu despedimento”.

O resultado positivo do consumo de drogas, segundo consta na sentenza, é “constitutivo, por si mesmo, dunha falta moi grave”, polo que o TSXG considera que a actuación da empresa “resultou ser plenamente axustada a dereito”. Contra a resolución cabe presentar recurso.