A Audiencia mantén a prisión provisional para un dos investigados polo crime de Samuel Luiz debido ao risco de fuga e de alteración de probas

Os maxistrados entenden que a medida é “necesaria e proporcionada” pola gravidade dos feitos e a pena de prisión á que se podería enfrontar o apelante. O tribunal sospeita que a comparecencia voluntaria do investigado en dependencias policiais podería responder a unha estratexia procesual

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña rexeitou o recurso de apelación interposto por un dos investigados polo crime de Samuel Luiz (K.A.S.C.) contra o auto do xulgado instrutor que o 13 de agosto decretou o mantemento do seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza. Na resolución, contra a que non cabe presentar recurso, os maxistrados explican que existen “indicios racionais da comisión dun feito delituoso” por parte do investigado. Ademais, aprecian risco de fuga debido á petición de pena de cárcere á que se podería enfrontar e de alteración de fontes de proba, un risco que consideran que podería aumentar coa súa posta en liberdade. 

O tribunal entende que a medida cautelar imposta ao apelante resulta “necesaria e proporcional” debido á “solidez” da base inculpatoria respecto á súa participación nos feitos. Así, destaca que se trata “dunha agresión brutal, executada por unha pluralidade de persoas e ao longo dun lapso relativamente prolongado de tempo”. Os xuíces, ademais, advirten que os feitos poderían chegar a ser cualificados como asasinato e, por tanto, “chegar a unha petición de pena de ata 25 anos de prisión”. Por iso, salientan que é necesario “extremar as precaucións para garantir o axuizamento futuro”. 

O tribunal asegura, ao contrario do que defende o investigado, que a súa comparecencia voluntaria ante a policía podería responder a unha estratexia procesual, máis que a unha intención de colaborar, xa que nese momento era consciente de que a súa identidade fora descuberta. Ademais, incide en que se apreciaron “omisións e contradicións” nesa primeira declaración e en que non entregou aos axentes o teléfono móbil da vítima. 

A Audiencia, por tanto, confirmou o contido do auto do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña que decretou o mantemento da prisión provisional do apelante. Esta é a segunda vez que K.A.S.C. solicita a súa posta en liberdade ao alto órgano xurisdicional provincial.