Un xulgado de Vigo absolve a uns pais que desescolarizaron ás súas fillas para que asistisen a clases en liña dunha academia de California

A xuíza subliña que quedou acreditado que os acusados "consideraron máis oportuna, idónea e adecuada a educación nun centro privado non homologado da súa elección, máis acorde ás súas conviccións"

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 1 de Vigo absolveu do delito de abandono de familia a uns pais que en xaneiro de 2022 desescolarizaron ás súas fillas do centro no que cursaban segundo e sexto de primaria para que, no seu lugar, asistisen ás clases en liña dunha academia de California. 

A maxistrada sinala na sentenza que o 3 de marzo o director do centro escolar "indicoulles a non procedencia da baixa", polo que os convocou "a reunións nas que se explicou a  improcedencia do ensino telemático". Ademais, relata que o 19 de maio de 2022 acudiron a unha comparecencia en Fiscalía de Menores, "sendo advertidos no mesmo sentido, a pesar do cal continuaron sen levar ás súas fillas ao colexio". 

Na resolución, a xuíza subliña que quedou acreditado que os acusados "consideraron máis oportuna, idónea e adecuada a educación nun centro privado non homologado da súa elección, máis acorde ás súas conviccións". 

"Partindo do dereito á educación e a obrigatoriedade da escolarización en centro homologado, a cuestión céntrase, fundamentalmente, en determinar cal é o terreo competencial  adecuado para xulgar a desescolarización", explica a maxistrada no fallo. 

Na sentenza, que non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso, a titular do Xulgado do Penal número 1 de Vigo subliña que, no ámbito penal, ultima ratio, "a falta de escolarización dos menores non vai unida a unha situación de desamparo ou risco social do menor (non se probou que así sexa), polo que non é susceptible de integrar o tipo penal do delito de abandono de familia do artigo 226 do Código Penal".