O TSXG condena ao Sergas a indemnizar con 300.000 euros a unha doente que sufriu paraplexía tras unha discectomía no hospital de Ourense

A Sala explica na sentenza que non comparte o razoamento do órgano de primeira instancia para descartar o dano desproporcionado, porque, precisamente, “se di que o dano neurolóxico se produce a nivel distante de onde se practicou a intervención cirúrxica e que, segundo informaron os peritos, é alleo ou estraño á intervención efectuada”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou a responsabilidade patrimonial do Servizo Galego de Saúde (Sergas) por dano desproporcionado e condenouno a pagar 300.000 euros a unha doente á que, tras practicarlle unha discectomía no Complexo Hospitalario de Ourense, sufriu unha paraplexía con déficit e sensitivo en extremidades inferiores. A paciente, segundo consta na resolución, permanece en cadeira de rodas e é dependente para a maior parte das actividades da vida diaria.

A Sala acolleu, polo tanto, o recurso presentado pola afectada contra a sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Santiago de Compostela. Así, explica na sentenza que non comparte o razoamento do órgano de primeira instancia para descartar o dano desproporcionado, porque, precisamente, “se di que o dano neurolóxico se produce a nivel distante de onde se practicou a intervención cirúrxica e que, segundo informaron os peritos, é alleo ou estraño á intervención efectuada”.

Ademais, engade que, “aínda que existen varias explicacións dadas polos peritos en relación á causa do dano, ningunha pode considerarse acreditada nin baseada en datos obxectivos, de modo que non deixan de ser hipóteses ou posibilidades, respecto ás que, como xa se indicou, existen obxeccións, e, en concreto, existe unha obxección clara á causa que apunta a administración, causa isquémica, que debería evidenciarse nos estudos realizados e, con todo, non é así”. O TSXG asegura que, neste caso, non se debería concluír “cunha presunción de acerto ou boa práctica da administración sanitaria, senón que, pola contra, atendendo á doutrina do dano desproporcionado, se tería que investir a carga da proba, e valorar que pola administración non se deu explicación ao dano causado”. Por iso, salienta que ten que presumirse unha actuación non conforme á lex artis “ante o feito indiscutido de que a doente entrou en quirófano cunha clínica de lumboaciatalxia esquerda e discreta debilidade proximal desta extremidade inferior (forza 4/5) por unha hernia discal aloxada no disco intervertebral L3-L4 e, no postoperatorio inmediato, ao espertar da anestesia xeral, evidenciouse unha lesión neurolóxica severa varias vértebras por enriba da zona intervida”.

En consecuencia, o anterior determina, segundo o alto tribunal galego, o acollemento do recurso de apelación e a revogación da sentenza de primeira instancia, considerando a existencia de responsabilidade patrimonial da administración en aplicación da doutrina de dano desproporcionado. Na resolución explica que o dano desproporcionado se debe considerar “naqueles supostos en que unha intervención, cuxos riscos se contemplan de antemán, ten consecuencias alleas a eses riscos”. Polo tanto -engaden os xuíces-, “se a administración non é capaz de explicar por que causas se produciu ese resultado tan anómalo, haberá de asumir a responsabilidade, pero non así cando probe debidamente que tal resultado se produciu con toda a observancia da lex artis, cando probe unha causa de que non deba responder”.