A Escola Xudicial cumpre 25 anos

O 26 de febreiro de 1997, as dez mulleres e os quince homes que integraban a 48.ª promoción de xuíces españois comezaron as súas clases na Escola Xudicial do Consello Xeral do Poder Xudicial, inaugurada oito días antes. Un cuarto de século despois, polas súas instalacións –situadas en Barcelona, en plena serra de Collserola– pasaron un total de 3569 estudantes, dos cales o 65,6 % eran mulleres.

A posta en marcha da Escola Xudicial supuxo un cambio radical na forma de preparar os xuíces seguida ata entón, xa que esta materia deixou de depender do Poder Executivo para ser asumida na súa totalidade polo CXPX, o que permitiu dotar os membros da Carreira Xudicial, e os que aspiran a ingresar nela, dunha formación diferenciada da do resto das profesións xurídicas.

A partir dese momento, e nos vinte e cinco anos transcorridos dende entón, as decenas de homes e mulleres que formaron parte da Escola Xudicial traballaron para acadar o obxectivo establecido no artigo 307.1 da Lei Orgánica do Poder Xudicial: facilitar aos xuíces españois unha formación "integral, especializada e de alta calidade".

Os xuíces en prácticas

No apartado de datos estatísticos pódense consultar os datos da última promoción que se incorporou á Escola Xudicial, a 72.ª, así como os datos acumulados dende o inicio da Escola Xudicial de Barcelona https://www.poderjudicial.es/cgpj /gl/Temas/Escuela-Judicial/Formación-Inicial/Estadisticas/

A formación inicial: o método do caso

Unha vez aprobadas as oposicións, os que aspiren a acceder á Carreira Xudicial deberán superar un curso que consta de tres fases: un programa teórico-práctico de formación multidisciplinar, un período de prácticas en distintos órganos de todas as ordes xurisdicionais e unha etapa final na que os xuíces e xuízas en prácticas desempeñan funcións de substitución e reforzo.

Algunhas das metodoloxías empregadas pola Escola Xudicial foron recoñecidas a nivel europeo como prácticas recomendadas para a formación xudicial: unha delas é a utilización do caso práctico aberto a través do Xulgado virtual.

Baixo a premisa de que na Escola Xudicial non se trata tanto de transmitir coñecementos que se supoñen xa adquiridos, senón sobre todo de aplicalos, o método do caso constitúe o eixo vertebrador da actividade docente e foise perfeccionando ata desenvolver tres variantes diferentes:

O caso pechado: o traballo céntrase en verdadeiros expedientes xudiciais xa resoltos en xulgados de toda España. Os xuíces e xuízas en prácticas elaboran relatorios a partir deste material e xéranse debates participativos. O obxectivo é estar en condicións de resolver o litixio ditando sentenza, previa visualización, se é o caso, da gravación completa do xuízo.

O caso secuenciado: a partir da progresiva recepción da información, comézase por entregar ao alumnado o tipo de documentación coa que acudiría un cidadán ao seu avogado. Con ela elaborarán a minuta dunha demanda, que logo compararán coa demanda real, para avanzar paso a paso no desenvolvemento do caso. O último día da práctica –adoita durar unha semana– deberán ditar sentenza.

O caso aberto: en estreita colaboración con varios xulgados, algúns dos casos que entran neles tamén o fan, de forma simultánea e grazas ás novas tecnoloxías, na Escola Xudicial, que funciona como “Xulgado virtual”. O alumnado segue a tramitación e as incidencias do procedemento e asiste a distancia ao desenvolvemento dos actos programados, en xeral xuízos orais e audiencias previas aos xuízos ordinarios. Ao remate deberán ditar sentenza, coa mesma información a disposición do titular do xulgado e antes de que o faga este.

A vocación internacional da Escola Xudicial

Desde a súa creación, a Escola Xudicial do Consello Xeral do Poder Xudicial tivo unha decidida vocación internacional que se traduce na súa participación activa en redes de formación xudicial da Unión Europea, América Latina e o mundo árabe.

Así, a Escola é membro da Rede Europea de Formación Xudicial (REFX), que integra as Escolas Xudiciais e os órganos encargados da formación dos xuíces dos Estados membros da Unión Europea; da Rede Iberoamericana de Escolas Xudiciais (RIAEX), que agrupa unha trintena de Escolas Xudiciais e institutos iberoamericanos de formación de xuíces e fiscais; e da Rede Euroárabe de Formación Xudicial (RFXEA).

Ademais, a Escola Xudicial é a sede principal da Aula Iberoamericana, unha iniciativa posta en marcha polo CXPX a instancias dos presidentes das Cortes Supremas e dos Tribunais Supremos de Xustiza Iberoamericanos en 1997. Desde entón, un total de 3724 maxistrados, xuíces e outros operadores xurídicos iberoamericanos participaron nas 149 actividades realizadas no marco deste programa.

Conmemoración do 25.º aniversario

O Consello Xeral do Poder Xudicial puxo en marcha diferentes iniciativas para conmemorar o vixésimo quinto aniversario da Escola Xudicial, que inclúe a edición dun libro publicado en versións castelán-inglés e castelán-catalán, ambas dispoñibles na páxina web www.poderjudicial.es en formato pdf.

Tamén se elaborou un vídeo institucional –que tamén se pode ver na web– que servirá a partir de agora de carta de presentación da Escola, e realizáronse campañas nas redes sociais Twitter e Instagram a través dos perfís institucións @PoderJudicialEs e @Esc_Judicial coa etiqueta #25aniversarioEscuelaJudicial.

Finalmente, o 25 de marzo de 2022 celebrouse no recinto modernista Sant Pau de Barcelona un acto de recoñecemento a todos os que prestaron servizos na Escola durante estes 25 anos: directores, profesores e persoal auxiliar e administrativo.

Durante o acto, o presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lesmes, destacou o "vínculo inquebrantable" que todos os que forman parte da xustiza española manteñen coa Escola Xudicial, "porque isto é moito máis que un mero centro de formación de xuíces españois”; mentres que o director do centro, Jorge Jiménez, asegurou que a Escola é "un referente mundial da formación" e "unha enorme embaixadora do Consello Xeral do Poder Xudicial e do noso país".

A gravación do acto conmemorativo pódese ver na seguinte ligazón:

https://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Poder-Judicial/En-Portada/El-presidente-del-TS-y-del-CGPJ-destaca-el--inquebrantable-vinculo--de-la-judicatura-espanola-con-la-Escuela-Judicial