O presidente do TS e do CXPX destaca que a paz e a Xustiza son “o binomio necesario para o progreso das sociedades”

Carlos Lesmes inaugura no Pazo de Mariñán a XXIII edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, que abordará a relación entre o Camiño de Santiago e o Dereito

Autor
Comunicación Poder Judicial
El presidente del TS y del CGPJ, Carlos Lesmes, durante su intervención en el Pazo de Mariñán
El presidente del TS y del CGPJ, Carlos Lesmes, durante su intervención en el Pazo de Mariñán

O presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lesmes, inaugurou hoxe no Pazo de Mariñán a vixésimo terceira edición da Escola de Verán, organizada baixo o título Camiño de Santiago: Camiño de Paz e Xustiza. Tras agradecerlles ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González Formoso, a súa colaboración para poder levar a cabo unha nova edición das xornadas, que concluirán o 24 de setembro, lembrou que a Xustiza “non é, nin foi nunca, un obstáculo para a paz, senón o instrumento fundamental para salvagardar a orde xurídica e, xa que logo, a convivencia pacífica entre a cidadanía”. 

Lesmes incidiu en que unha sociedade “só pode desenvolverse en paz e concordia se conta cun mecanismo independente e neutral para a resolución dos seus conflitos, ao que se lle recoñeza a lexitimidade necesaria como para acatar e respectar as súas decisións”. A paz e a Xustiza, segundo o presidente do Tribunal Supremo, son “o binomio necesario para o progreso das sociedades e a consolidación dos dereitos humanos”. 

Durante a súa intervención, lembrou que a Xustiza constitúe “o mecanismo esencial co que conta calquera sociedade para ver protexidos e tutelados os seus dereitos, a última e mellor garantía para que estes sexan reais e efectivos”. Lesmes, ademais, resaltou que a tutela xudicial é “o instrumento que posibilita o exercicio dos dereitos que nunha sociedade democrática asisten a todos os cidadáns”.

Na Escola de Verán, tal e como indicou o presidente do Tribunal Supremo, profundarase no estudo destes temas, o que permitirá “avanzar no obxectivo de asegurar unha Xustiza de calidade e traballar na procura da excelencia de toda a carreira xudicial”. Lesmes sinalou que ese reto “require poñer gran énfase na formación inicial dos xuíces e tamén na formación continua”. 

Durante o curso analizarase a historia do Dereito e, entre outras cuestións, examinarase o nivel de protección de Santiago de Compostela, dos distintos camiños ao seu paso por diferentes comunidades autónomas e do patrimonio histórico presente ao longo dos percorridos. Ademais, o estudo do Camiño, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1993, abriralles aos membros da carreira xudicial a posibilidade de deterse e analizar os seus lazos coa arte, coa historia de España e coa construción de Europa. 

“Aprender, mellorar e adaptarse aos constantes cambios que vivimos enriquece os integrantes do Poder Xudicial, o que é fundamental para ofrecerlles aos cidadáns e á sociedade —como destinatarios que son de todo o noso traballo— un mellor servizo e unha resposta cada vez máis eficaz e axustada ás súas pretensións”, asegurou Lesmes durante a inauguración da Escola de Verán. 

Cos vogais do CXPX Juan Manuel Fernández e Álvaro Cuesta como directores académicos, os relatores tratarán asuntos como os vínculos existentes entre o Camiño de Santiago e o Dereito, coincidindo coa celebración do Ano Santo Xacobeo 2021-2022. 

No acto de inauguración, Juan Manuel Fernández destacou a enorme importancia que o Camiño tivo na creación e desenvolvemento das institucións xurídicas. “Foi, ademais dunha importante vía de peregrinación, unha vía de transmisión para o Dereito. O Camiño discorría e discorre por localidades que contaban na Idade Media con réximes xurídicos vantaxosos. Os peregrinos contribuíron á súa difusión e, en consecuencia, á expansión destes réximes xurídicos dun lugar a outro”, indicou o vogal. Lembrou tamén na súa intervención que “o feito da peregrinaxe en si mesmo foi obxecto de regulación xurídica, propiciando que xurdise un estatuto xurídico do peregrino no mundo medieval”.